Esta resticuión da cidade medieval de Tui creouse como parte da conmemoración do 800 aniversario da catedral de Tui, e forma parte do libro Tui 1225, publicado en 2025 polo Concello de Tui.
A cidade medieval de Tui érguese nun pequeno outeiro á carón do río Miño, no Sur da provincia de Pontevedra, na fronteira con Portugal. É unha posición natural estratéxica e facilmente defendible, que controla tanto o tráfico fluvial do Miño como o paso natural que forma a depresión meridiana. Está ademais rodeada de fértiles terrazas fluviais e dotada dun clima benigno que favorecen a agricultura.
Non sorprende, polo tanto, que Tui estivese habitada xa desde o Paleolítico e acadase unha densidade de poboación considerable durante a Idade do Bronce. Xa en época romana, converteuse en paso de vías, cunha mansio da vía XIX do itinerario de Antonino. Adquiriu tamén a consideración de civitas, formando un núcleo secundario a cabalo entre as capitais augústeas da Gallaecia (Lucus, Asturica e Bracara) e as poboacións máis rurais. Sen embargo, esta posición privilexiada tamén a converteu en obxecto de escaramuzas e incursións unha vez rematada a pax romana.
Suevos, visigodos, normandos e andalusís deixaron a súa pegada durante o período altomedieval, reducindo a antiga Tude a cascallos en diversas ocasións. Así e todo, é probable que o outeiro tudense non estivese nunca deshabitado, e o lugar da actual catedral posiblemente xa fose un centro de culto nesas datas temperás. As tumbas tardoantigas e altomedievais atopadas baixo o claustro e praza do Concello rodearían ese primitivo espazo sagrado.
A consolidación do asentamento actual remóntase á restauración da sede episcopal tudense arredor de 1071, constatada por documentos da infanta dona Urraca, filla de Fernando I, e do rei García, con sendas doazóns á sede tudense. Durante os próximos dous séculos o destino da cidade estará ligado ás constantes tensións co novo condado Portucalense e, máis adiante, o xa independente Reino de Portugal. As datas de comezo da obra da catedral non están claras, pero a maioría dos autores coinciden nesta primeira metade do século XII.
A muralla, baixo dominio real, mandouna construír Fernando II a partir de 1170 para protexer debidamente o crecente núcleo tudense. Pouco a pouco a cidade tal e como a coñecemos foi tomando forma.
Como sería o Tui deses tempos? Non é doado pensar como sería a cidade despois de oito séculos. Ademais da catedral, só temos algúns muros e documentos como testemuñas dese pasado. Pero grazas a tecnolxia dixital, podemos imaxinar como era Tui en 1225.
Fontes: ( Libro “Imaxinando o pasado: Tui 1225. Ed. Pablo Álvarez Yáñez. Concello de Tui )
