O aspecto exterior da catedral que vemos hoxe en día é o resultado de diversos engadidos e obras posteriores, comezando xa na Idade Media e chegando ao século XX, que enmascaran case completamente o seu aspecto orixinal. A planta da catedral consérvase relativamente íntegra: un corpo de cruz latina con tres naves, cun transepto de tres naves, similar á catedral de Santiago de Compostela. O brazo maior consta de catro tramos regulares, mentres que os brazos do transepto presentan dous tramos cunha modulación irregular. Desafortunadamente, apenas temos datos sobre a cabeceira orixinal. A cabeceira actual constrúese no século XV substituíndo á obra románica. Á falta de escavacións arqueolóxicas no subsolo da catedral, a reconstrución da planta orixinal da cabeceira tense convertido nun animado obxecto de debate nas últimas décadas, con hipóteses mostrando 3 ou 5 ábsides ou incluso unha xirola.
A portada occidental considérase a miúdo como a obra que marca a transición do románico ao gótico na península ibérica. É de marcada influencia francesa aínda que fai eco tamén de elementos claramente mateanos. A portada está formada por arcos apuntados moi abucinados que deixan espazo a un tímpano cunha narrativa que representa a anunciación, natividade e adoración de Cristo, e está flanqueada por estatuas–columna de gran verticalidade que representan diversos persoeiros bíblicos. Estilísticamente, suxeríronse paralelos coas catedrais de Laon, Chartres e Senlis no norte de Francia, que ofrecen unha temática e estilo similares nas súas portadas de principios do século XIII.
