Teatro Circo Emilia Pardo Bazán, 1900

restitucion-3D
  • Arquitectura perdida
  • Arquitectura civil ocio
Salón teatro
  • Neo-grego
S. XX
Teatro circo de Emilia Pardo Bazán
Atanasio Anduiza, Pedro Mariño
1900 - 1914
Avenida da Mariña
A Coruña (A Coruña)
Carlos Paz de Lorenzo (2021)
Jesús Ángel Sánchez García (Catedrático de Historia da Arte, Docente e Investigador da USC)
Pedro de Llano Neira ( Doutor de Historia da Arte, Docente e Investigador da USC)

Facultade Historia da Universidade de Santiago de Compostela (HAAYDU-1510)

O Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán, construíuse para substituír ao vello edificio de madeira que servía para exhibicións circenses e dotar á cidade dunha moderna pista de espectáculos de circo e dun escenario teatral coa suficiente capacidade de aforo para o público.

O proxecto foi deseñado no ano 1900 polo arquitecto bilbaíno Atanasio Anduiza. En 1901 lévase a cabo a demolición do antigo circo e procédese á cimentación sobre terreos gañados ao mar. En 1902 adquire definitivamente o nome de “Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán”,  xa que inicialmente figuraba como Teatro-Circo de Concepción Arenal, pero á familia da ilustre galega non lle pareceu  axeitado que o seu nome encabezase o edificio dun circo. Inaugurouse o 15 de abril de 1903.

De planta rectangular, con 30 metros de fachada por 50 metros de longo e de estilo neogrego – manifestado por unha orde de pilastras corintias, frontón con esculturas acróteras e motivos alegóricos – tiña dúas plantas de ocos horizontais con linteis. Na parte traseira situábase o escenario e na cuberta un lucernario. Interiormente o edificio tiña un gran vestíbulo dende onde se accedía ás localidades dianteiras; o anfiteatro posuía unha capacidade de 450 butacas resultando nun aforo total de case 2.000 espectadores.

En 1914 procedeuse a súa demolición por razóns de índole política e intereses privados, xa que exercía competencia directa sobre o Teatro Rosalía de Castro, aínda que a xustificación oficial esgrimiu razóns de seguridade.

Fontes: A.M. A Coruña / Arquitecturas Desvanecidas, Edit. Abada, 2019

Ir o contido