As primeiras referencias a esta porta son de 1864 con motivo da petición de contrución de varios fornos.
En 1873 os veciños reiteran a necesidade de apertura pola recente inauguración da estación e en 1874 o concello de Lugo encarga ao arquitecto vasco Nemesio Cobreros y Cuevillas, orzamento para o tramo urbano que enlazase coa estación así como a porta necesaria para abrir a muralla, dándose por concluidas as obras en 1876.
Este arquitecto pertenceu á xeración dos “historicistas”, usa adornos orgánicos naturais, motivos vexetais e florais, como base do modernismo ecléctico, combinando decoración de rosetas avolutadas con palmetas de orde dórica clásica, no frontón que coroaba a porta. Na parte central, dentro dun círculo, aparecía o escudo da provincia, dividido en dous cuarteis. No inferior o castelo con dous leóns rampantes.
A porta estaba formada por unha bóveda de canón de lousa vista, cun arco de medio punto de granito de 22 dovelas e a clave que descansaba sobre unha imposta que corría ao longo do arranque da bóveda. No interior levaba unha porta alintelada a cada lado, que daba acceso á oficina dos fielatos e ás garitas. Polo interior e exterior, unha fiestra de arco de medio punto recercado por unha moldura a modo de viseira, facilitaba a luz a esta habitación. O paramento interior da parte baixa, estaba enlucido e branqueado.
Dúas garitas cilíndricas, sobre un pé moldurado, alzábanse nos laterais da porta, tanto polo exterior como polo interior. Na parte central abríase unha seteira ou aspilleira, rematada nun orificio circular cuberto por unha moldura ou viseira. Un bocel marcaba a cota do adarve. Nas enxoitas, levada como elemento decorativo, un círculo. Unha cornixa moldurada, servía de base ao almeado das garitas e ao remate decorativo da porta.
En 1918, esta porta foi derrubada pra proceder a súa ampliación e foi sustituída por outra.
Fontes: (AHPLugo, AMLugo)
