En 1918 o arquitecto Daniel Vázquez-Gulías Martínez proxecta este edificio ás beiras do xardín botánico, hoxe o xardín do “Posío” da cidade de Ourense, para a congregación relixiosa das “Siervas de María”, consistente nunha capela e unha vivenda.
A capela era de estilo neogótico, tiña unha gran porta central de acceso cun arco oxival e por riba, un rosetón en flor flanqueado por dúas pilastras alongadas que rematan sobresaindo da fachada en dous pináculos piramidais. Na parte superior tiña dous ocos con arcos oxivais que aloxaban as campás, remataba nun pequeno frontis cun arco central que alberga unha pequena campá, culminando o edificio nunha cruz.
A estreita dimensión da fachada e as longas pilastras, así como as oxivas, contribúen a darlle verticalidade, contrastando coa horizontalidade e sinxeleza da vivenda adosada polo lateral esquerdo.
No ano 1930, o arquitecto Manuel Conde Fidalgo proxectou unha reforma e ampliación do edificio consistente en aumentar unha planta a parte do edificio destinado a vivenda.
A congregación relixiosa permaneceu 7 décadas no edificio, máis co paso do tempo o estado do mesmo foi empeorando, ata a declaración de estado ruinoso, en parte debido ao abuso de material explosivo usado para perforar o chan nos solares colindantes onde se construíron edificios de vivendas. A principios da década dos 80, procedeuse ao seu derrubo.
Fontes: (AMOU; Museo Etnográfico de Ribadavia; Xornal “El faro de Vigo”; “Plan Conservación e Posta en Valor da obra Arquitectónica de Daniel Vázquez-Gulías”, Luis Perez de Juan)
