En 1899, Benito Fernández Alonso solicita no concello de Ourense licencia para ampliación da súa vivenda na rúa San Miguel, e construción dunha casa facendo esquina con fachadas á rúas Paz Novóa, hoxe rúa Paseo, e rúa San Miguel, presentando 2 proxectos distintos: o primeiro, máis sinxelo e simplificado, firmado en Vigo o 19 de maio polo Mestre de obras e Fortificacións Militares, Jenaro de la Fuente, e o segundo, máis desenvolvido, con balcóns e galerias de madeira con arcos de ferradura no chaflán, firmado en Ourense con data de 9 de agosto, a cargo do arquitecto municipal de Ourense, Antonio López Crespo.
O edificio finalmente construído respondeu á tipoloxía do segundo proxecto, agás polo feito de que as fermosas galerías de madeira deseñadas para os balcóns do piso primeiro e segundo do chaflán, xamáis chegaron a executarse.
Ao longo da súa existencia albergou varios negocios, a «Pensión Mercantil» no segundo andar, o «Gran Bazar de Calzados – El Modelo» pra planta baixa, a «Clínica Dentista Irene Álvarez Veras» no primeiro andar, entre outros…
En 1967 o edificio foi derrubado para construir un edificio de catro plantas de vivendas e negocios.
Fontes : (AMOu; Arquivo Etnográfico Ribadavia; Biblioteca Marcos Varcárcel; Xornal La Región)
