Leoncio Bescansa Casares foi o arquitecto que, en 1909, deseñou esta casa como residencia familiar, foi construída en 1910 no n.º 4 da rúa Bispo Aguirre de Lugo, por encargo de Manuel Magadán Quintela, veciño da cidade e dono dunha eléctrica destinada á produción de enerxía con fins industriais. Formado en Madrid, onde terminara os seus estudos en 1903, esta vivenda era una obra temperá de Bescansa quen, entre 1907 e 1909, exerceu como arquitecto municipal de Lugo. Sen embargo, a Casa Magadán non foi resultado do seu traballo para o concello senón un encargo particular que debemos sumar a aqueles outros que, a partir de 1911, realizou no exercicio libre da súa profesión, principalmente na cidade da Coruña.
A Casa Magadán era un reflexo dunha arquitectura que empezaba a aloxarse dos eclecticismos propios de fins do século XIX, introducindo algúns elementos formais e decorativos que amosaban un coñecemento do repertorio modernista europeo e, en particular, do Art Nouveau francés. Estes non só eran epidérmicos, é dicir, concentrados na decoración, na que predominan as formas brandas e as liñas dinámicas e sinuosas, como ocorría nas galerías de madeira ou na coroación da entrada principal e, sobre todo, nos planos proxectados polo arquitecto. Tamén os vemos cando nos detemos nas plantas, nas que algúns espazos mostraban unha tímida absorción do modernismo, con formas curvas convexas e cóncavas na entrada e a terraza frontal, que achegaban certo dinamismo ao espazo; coa ruptura da continuidade do piso inferior, que crebaba un chan en diferentes niveis desde a porta principal, concedendo así una certa flexibilidade á planta; co baleirado do corpo macizo da casa introducindo un patio de luces, que proporcionaba novas fontes de iluminación desde o vestíbulo central; ou coas formas sinuosas que tamén eran portantes na estrutura da escaleira principal e o voladizo da entrada. Neste proxecto Bescansa aínda non se desprendera completamente dos historicismos imperantes, pero o proxecto expuña, aínda que de forma tímida, a exploración dos camiños que os arquitectos europeos modernistas xa ensaiaran desde finais do século XIX, contribuíndo así a unha paulatina renovación da trama urbana da zona intramuros da cidade.
Fonte: López Salas, Estefanía (2023). “Casa Magadán Quintela, nº 4 de la calle Obispo Aguirre (Lugo), 1978”. En: Sánchez García, Jesús Ángel et al. (ed.). Arquitecturas añoradas: memoria gráfica del patrimonio destruido en Galicia en el siglo XX. Gijón: Editorial Trea, pp. 643-666.
