O 23 de xuño de 1887 inaugurábase o edificio popularmente coñecido como “Asilo de San Antonio”, xa que a capela que estaba integrada estaba adicada a ese santo. Hoxe hai unha praza pública co mesmo nome, e que ocupa parte do solar que ocupaba o edificio xa desaparecido, vítima da especulación urbanística.
O número 38 da rúa Hernán Cortés será a primeira ubicación do “Asilo de los Ancianos Desamparados”. Tres anos despois, concretamente o 23 de xuño de 1887, trasladarase ao número 20 da Estrada de Trives, hoxe Avenida de Buenos Aires.
En 1945 as “Hermanitas de los Desamparados”, realizan unha importante reforma do Asilo da Avenida de Buenos Aires, encargada ao arquitecto Mariano Rodríguez Sanz, incorporando ás instalacións entre outras melloras: un comedor de 60 prazas, unha enfermería con 14 camas, e sala de operacións e raios X.
As dependencias completábanse cun cobertizo e almacén, situado no espazo onde se levantou o actual edificio do Hotel Francisco II. Un muro de uns 4 m de alto impedía o contacto visual dende a rúa Bedoya. O solar anexo dispuña dunha finca cun fermoso xardín e fonte na parte central.
