O filántropo Eusebio da Guarda faleceu en 1897 e no seu testamento especificaba unha doazón económica para a construción dun mercado municipal de ferro na Praza de Lugo.
O arquitecto Pedro Mariño foi o autor do proxecto, comezando as obras no ano 1901. No mercado moderno había mármores, mosaicos, marquesiñas, ferraxes artísticas, numerosos rexistros de auga, desaugadoiros e a luz penetraba directamente polas ventás de cristal, nun estilo decimonónico de modernismo ecléctico tan característico das cidades galegas de principios do século XX.
O pavillón central contaba con 52 postos, que eran exclusivamente para a venda de peixe fresco, mentres que os laterais contaban con 45 postos cada un, onde se venderían verduras, pan, ovos, galiñas ou porco e tenreira. Nas carpas repartíronse outros 28 postos de verduras, flores, froitas e outros artigos.
A nave central foi a primeira en ser substituída por outra que comezou a funcionar a finais de 1958, e os corpos lateriais foron derrubados na década de 1970.
Fontes: (SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel, Julio VÁZQUEZ CASTRO, Alfredo VIGO TRASANCOS (eds.) e Juan David DÍAZ LÓPEZ (coord.) (2023). Arquitecturas añoradas. Memoria gráfica del patrimonio destruido en Galicia en el siglo XX. Gijón: Ediciones Trea.)
