O Mosteiro medieval de Santa María de Monfero está situado na contorna das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso. Está situado na parroquia de San Fiz de Monfero, no concello coruñés de Monfero.
As súas orixes remóntanse cando menos ao século X, ao se fundar un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a San Marcos. Este cenobio, favorecido polo rei Bermudo II, sufriu o ataque dos normandos, sendo reconstruído a iniciativa de Afonso VII no ano 1135 en colaboración con nobres como Afonso Bermúdez ou o Conde Pedro Osorio, que lle fixeron doazóns e lle concederon privilexios.
No 1147 acóllese á reforma cisterciense a través do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, vivindo a partir de entón anos de esplendor económico e cultural, ata o punto de ter que recorrer ó rei para defenderse das agresións dos nobles da comarca.
En 1492 os colonos negáronse a pagar os impostos establecidos polo mosteiro e mesmo chegaron a matar o abade. Esta situación, xunto ó declive espiritual pola deixadez dos abades comendatarios, levou ó mosteiro a unha situación crítica, que provocou a anexión á Congregación de Castela en 1506, da que dependeu ata a exclaustración de 1835.
A mediados do século XVI a comunidade monástica iniciou obras de renovación que continuarían ata a seguinte centuria, obras caracterizadas polo seu estilo clásico. No ano 1620 encárgase das obras Simón de Monasterio. A partir de entón imponse o estilo barroco e derrúbase a vella igrexa. A morte no ano 1624 de Simón de Monasterio, ao que se lle atribúen as trazas da planta e o alzado, fai que outros mestres de obra teñan que seguir co seu proxecto.
As obras continuaron e no ano 1639 xa estaba rematado o ciborio. No ano 1645 traballábase na fachada e no ano 1655 consagrouse o templo. A capela da Virxe da Cela remátase cara ao ano 1666, obra á que lle seguirán outras como a sancristía, coñecida como Chirola.
En 1803 un raio derrubou o ciblorio e causou importantes danos no edificio e, aínda que se comezou a restaurar en 1807, a invasión francesa interrompeu as obras de restauración. En 1820 produciuse a primeira exclaustración e, cando regresaron os monxes en 1823, o templo estaba baleiro e arruinado. Aínda que comezaron a restauralo, foron de novo expulsados en 1835, definitivamente, baixo a desamortización de Mendizábal.
