La Concha de Arosa é o nome da casa de baños que existiu na Praia de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Promovida polo industrial caldense José Salgado Rodríguez, foi proxectada polo prestixioso mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez en 1886. Activa durante as tempadas estivais, destinouse á talasoterapia e a eventos sociais diversos, como mitins políticos, banquetes ou bailes. Por esa apracible oferta, foi frecuentada por visitantes de renome, entre os que se atopaban Eugenio Montero Ríos, José Canalejas ou Emilia Pardo Bazán.
No que atinxe á súa configuración arquitectónica, tratábase dunha construción erguida con pilotes de madeira sobre unha superficie de 2.700 m2. Presentaba unha planta en U, articulada arredor dun amplo pavillón central conectado a dous corpos laterais mediante longos brazos dispostos en forma de galería. A entrada principal abríase cara á estrada de Vilagarcía a Carril, mentres que a fachada marítima se ofrecía unha pintoresca fachada con abondosos lambrequíns. No interior distribuíanse distintas estancias, entre elas un vestíbulo, un gran salón de festas e diversos cuartos de baño —fríos, temperados e sulfurosos—.
O próspero porvir que se proxectaba para La Concha de Arosa truncouse tras a Guerra Civil, momento no que cesou a súa actividade. Durante a posguerra iniciouse o seu progresivo abandono, acompañado da venda de numerosos elementos do seu interior. Como consecuencia, a construción degradouse paseniñamente até ficar en ruínas, o que supuxo o seu desmonte parcial en 1952 e a súa demolición definitiva entre 1954 e 1955, se ben aínda perduraría o pequeno caseto da caldeira até 1965. Posteriormente, o espazo foi obxecto dun recheo que deu lugar ao actual Parque da Concha.
Fonte: (SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel, Julio VÁZQUEZ CASTRO, Alfredo VIGO TRASANCOS (eds.) e Juan David DÍAZ LÓPEZ (coord.) (2023). Arquitecturas añoradas. Memoria gráfica del patrimonio destruido en Galicia en el siglo XX. Gijón: Ediciones Trea.)
