O Sanatorio Alonso-Pimentel constituíu un fito arquitectónico e sanitario na cidade de Lugo. O proxecto foi deseñado en 1930 por Eloy Maquieira Fernández, arquitecto municipal e introdutor do racionalismo na cidade, quen plasmou neste edificio unha das primeiras mostras galegas desta corrente. Situado na confluencia da rúa do Bispo Aguirre coa Ronda da Muralla, o inmoble erixiuse por iniciativa do doutor Germán Alonso Hortas, co obxectivo de integrar nel aos seus fillastros, os irmáns Vázquez Fernández-Pimentel, médicos de sólida formación nacional e internacional.
Inaugurado en 1933, o sanatorio destacou polas súas modernas instalacións, deseñadas ad hoc para a práctica médica, e por unha estética vangardista que rompía coa tradición ecléctica lucense (https://ciagalicia.com/proxectos/sanatorio-pimentel-1933/). A súa planta pentagonal adaptábase ao solar, con distribución funcional en catro niveis: consultas e servizos na planta baixa, salas cirúrxicas no primeiro andar, dependencias complementarias no semisoto e unha terraza superior. No exterior, a horizontalidade marcada polos ventanais corridos e a presenza do chaflán revestido en ladrillo vermello conferíanlle unha imaxe innovadora, próxima ás correntes europeas. O uso de formigón armado, ferro e cristal reforzaba esta modernidade, afastándose de calquera ornamento historicista.
En 1941 sufriu unha importante reforma, tamén dirixida por Maquieira, que lle engadiu unha altura e unificou o conxunto baixo unha silueta máis homoxénea. A súa imaxe seguiu a resultar singular no contexto urbano, contrastando cos edificios decimonónicos e co eclecticismo rexionalista das novas construcións veciñas.
O sanatorio gozou de grande prestixio, tanto polo equipamento técnico como polo labor dos médicos titulares, e converteuse nun centro de referencia en traumatoloxía, dermatoloxía e cirurxía. Durante a Guerra Civil e a posguerra acolleu feridos e vítimas de accidentes, consolidando a súa relevancia social.
Porén, a progresiva expansión da Seguridade Social provocou a decadencia dos sanatorios privados, e o Alonso-Pimentel cesou a súa actividade en 1983. A tentativa de protexelo como monumento non prosperou e, finalmente, foi demolido en agosto de 1985, nun derrubo accidentado que puxo fin a un dos edificios máis representativos do racionalismo lucense.
Fontes: (Javier Gómez Darriba – “Sanatorio Alonso-Pimentel (Lugo), 1985”)
