O Sanatorio Alonso-Pimentel constitúe un dos exemplos pioneiros da arquitectura racionalista en Galicia. O proxecto, encargado polo doutor Germán Alonso Hortas para os seus fillastros, os médicos Vázquez Fernández-Pimentel, foi delineado en 1930 por Eloy Maquieira Fernández, arquitecto municipal de Lugo e figura clave na introdución do racionalismo na cidade.
O edificio situouse nunha parcela estratéxica, na esquina da rúa do Bispo Aguirre coa Ronda da Muralla, nun ámbito urbano en expansión. A súa planta, de xeometría pentagonal adaptada ao solar, organizábase en catro niveis: un semisoto con servizos domésticos e técnicos; unha planta baixa ou “nobre”, con consultas, salas de espera, laboratorio e sala de raios X; un primeiro andar “principal” destinado ás intervencións cirúrxicas, con quirófano, salas auxiliares e algúns dormitorios; e unha azotea diáfana con corpo de servizo.
A linguaxe formal de Maquieira afastábase radicalmente do eclecticismo dominante en Lugo. A horizontalidade do conxunto viña dada polos amplos ventanais corridos, mentres que o chaflán se convertía no eixo principal do proxecto. Este resolvíase cun acceso enmarcado por ladrillo vermello, material pouco habitual nun sanatorio e cargado de referencias á antigüidade mediante o uso de aparellos como o opus spicatum. Sobre a porta, un saledizo de formigón asumía función estética e práctica, protexendo da chuvia nunha cidade húmida como Lugo.
O emprego do formigón armado permitiu unha maior flexibilidade estrutural, ao tempo que a combinación de cristal, ferro e cal reforzaba a modernidade do inmoble. Destacaba tamén a ausencia de ornamentación superflua, en contraste coas fachadas veciñas, e a aposta por liñas puras e volumes xeométricos.
Inaugurado en 1933, o sanatorio foi recibido como unha obra vangardista que introducía en Lugo a “arquitectura funcional”. A súa imaxe innovadora, xunto coa cualificación dos médicos que o dirixían, fixo do Alonso-Pimentel un símbolo da modernidade sanitaria e arquitectónica da cidade antes da reforma acometida en 1941 (https://ciagalicia.com/proxectos/sanatorio-pimentel-reforma-de-1941/).
Fontes: Javier Gómez Darriba – “Sanatorio Alonso-Pimentel (Lugo), 1985”
