Henrique de Meneses (1727-1787), embaixador portugués en España, posuía un ostentoso salón de baile que favorecía a propaganda política. Este espazo tardobarroco (hoxe inexistente) situábase na madrileña Rúa de Hortaleza, utilizándose como sede de importantes festexos con teatro e música.
A presente reconstrución 3D foi creada desdeo CIAG a partir das investigacións desenvolvidas por Javier Gándara Feijóo coa coordinación de Montserrat Capelán Fernández (Grupo Organistrum-Universidade de Santiago de Compostela). Para iso, empregouse un libreto impreso no ano 1785, que inclúe o plano do lugar, así como a súa descrición detallada.
Tamén se incrustou música que alí soou, restituída con medios dixitais en base ás partituras hoxe conservadas na Real Biblioteca (Madrid) e a Biblioteca da Ajuda (Lisboa). A maiores, foi anexionado o Dúo nº 5 de Xosé Castel (1774), gravado recentemente nun palacete setecentista de Viana do Castelo por profesores do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
O proxecto completo contou con financiación das Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario Galego (ED431B2024/47), ben como das Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia (ED481B). Este salón, anteriormente unha estancia reservada para as elites, queda agora ao dispor da sociedade.
Institucións implicadas: Grupo Organistrum (Universidade de Santiago de Compostela), Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) e o Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo).
Fonte: (Grupo de Investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela)
