Lanóbriga, a cidade galaica de Lás, é un dos xacementos arqueolóxicos de maior tamaño localizados no noroeste da península ibérica, á imaxe das citanias de Santa Trega, Sanfíns, Monte Mozinho, Ancora ou Briteiros, seguindo a mesma evolución que as citanias ou oppidum do resto de Europa na alta Idade de Ferro, e cun período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías, no século III e IV.
Situado no tramo medio do río Miño, emprázase sobre unha pequena elevación, a 473 metros sobre o nivel do mar, a carón do Monte de San Trocado, de 550 metros de altitude, no que tamén se atoparon restos dun castro dun período inicial da cultura galaica.
O estudo da cidade comezou en 1921 por parte de Florentino Cuevillas e Vicente Risco, continuando en 1948 con Xaquín Lorenzo, e no ano 1953, os asistentes ao 3º Congreso Nacional de Arqueoloxía recoñeceron a súa importancia e a súa monumentalidade. Despois de anos de abandono, a denuncia de Xesús Ferro Couselo paralizou a masiva extracción de pedra das mullaras para utilizala como grava para o acondicionamento das rúas da vila do Carballiño.
A cidade estrutúrase en varios recintos amurallados de forma elíptica case concéntricos, cun lixeiro alongamento no eixo nordeste-suroeste, cunhas dimensións de 294 metros do eixo leste-oeste e de 420 metros do eixo maior. Deste xeito a superficie intramurallas é de 95.900 m² distribuídos en 8.750 m² da croa e 87.150 m² da antecroa.
