O arquitecto Antonio López Crespo, deseña este fermoso e chamativo kiosco de estilo neomudéxar para ser integrado nun entorno urbano de trazado medieval europeo, como segunda opción tras descartar outro deseño previo máis clásico. De planta hexagonal e cunha gran cúpula árabe fusiforme, arcos de ferradura califais, estrelas de David nas ventás e uso de ladrillo refractario caravista, respostando á influencia orientalista de finais do século XIX e comezos do XX.
Bautizado pola cidadanía como o “kiosco da Alameda”, e situado nos céntricos xardíns da Praza de Concepción Arenal, hoxe Praza Bispo Cesáreo, foi unha das construcións máis orixinais da cidade de Ourense e un punto neurálxico, lugar de chegada e saída da maioría das carruaxes e dilixencias.
Construído en terreos de propiedade municipal polos empresarios Andrés Perille e Constantino Álvarez en maio de 1902, foi rexentado por Manuel Moure Gil, adicado á venda de produtos ao por menor, refrescos, xornais, libros, revistas, tabacos, fósforos e obxectos de escritorio.
En 1936 foi destruído intencionalmente polas incipientes forzas do fascismo, e daquela os organismos públicos locais foron cómprices das consecuencias daquel acto bárbaro, entre elas, que hoxe no poidamos disfrutar deste patrimonio arquitectónico desaparecido.
