O 14 de outubro de 1880, Bernardo Laréo cursa solicitude ao concello de Ourense expresando o seu desexo de edificar unha nova casa nun solar sito na rúa Alba, actual rúa Cardeal Quiroga, e contiguo polo oeste á casa de Higinio Borrajo, solicitando a correspondente licenza de obra.
O deseño do proxecto foi encargado ao mestre de obra Emilio Meruéndano, quen plantexou un edificio cunha fachada de 77,26 m2., dun corpo e dúas prantas, usando pedra labrada do país, diferenciando claramente o estilo das luces da fachada para cada un dos pisos, empregando enreixados de ferro de fundición e carpinterías de madeira de castaño. Con posterioridade engadíuselle un terceiro piso ao edificio, ainda que se descoñece a data exacta da reforma.
No ano 1902, a congregación relixiosa dos “Padres Paules” instalouse no segundo piso do edificio. No primeiro piso do edificio, no lado esquerdo, estaba situado o “Oratorio do Culto a Milagrosa”, un servizo relixioso de libre acceso aos cidadáns que entraban e saían continuamente do lugar, e tamén era popular un “Servizo de Roupeiro”, como axuda aos cidadáns máis desfavorecidos nas épocas de fame e frio.
O edificio foi derrubado na década dos 70s do século XX.
Fonte: (AMOu – Libro “Centenario de los PP.Paules, Madrid 1828-1928”)
