O balneario de Caldeliñas é un balneario de augas termais situado en Caldeliñas, Vilamaior do Val, a 4 km da vila de Verín. É un dos numerosos balnearios dos que consta a comarca. Foi o pioneiro do termalismo e do emprego mineromedicinal, e o O seu nome provén do latín “Aquae calidae”, debido á alta temperatura coa que brotan as súas augas. O balneario estivo activo dende mediados do século XVI ata o século XX, pasando por un longo período en estado ruinoso durante 70 anos, ata a recente rehabiltación xa no século XXI.
A primeira alusión ao Balneario de Caldeliñas foi atopada no Arquivo Xeral de Simancas, da segunda metade do século XVI, no cal se remunera ao cabido de Ourense con 737 marabedíes polos arrendamentos dese lugar. Con todo, este balneario tivo o seu primeiro apoxeo grazas ao seu principal impulsor francés Fernando Debas, que foi fotógrafo oficial da corte española a finais do século XIX durante o reinado de Afonso XII.
Fernando Debas, en 1887, mercou o balneario de Caldeliñas e o de Sousas, situado na mesma comarca, ao realizar fortes inversións en ambos os dous. Así mesmo, empregou o seu influxo e propulsou ditos balnearios a través dos xornais madrileños.
O balneario conta con dous edificios: o primeiro deles, máis preto da estrada, foi construído sobre o mesmo manancial, no que se atopan tres grandes piscinas onde tiñan lugar os baños colectivos para ambos sexos. Ao carón das piscinas, os bañistas podíanse cambiar nos vestiarios existentes. Neste edificio, tamén se acha o depósito da auga que comunicaba as augas co outro edificio. No outro edificio, a uns 50 metros, estaban os baños individuais divididos en dúas ás, unha para cada sexo, cos seus respectivos vestiarios. Ademais, no centro había un amplo xardín.
Fontes:( “Caldeliñas y el origen del termalismo en Verín. Influencias del modelo francés y la Casa Real Española”, Luis Congil – Wikipedia)
